Secciones

Noticias / Formación

Galería

Enlaces

25 ANOS DE FREI XOSE COMO BISPO DA NOSA DIOCESE DE LUGO

Foto de noticiaGracias, Frei Xosé, gracias por levarnos polo verdadeiro Camiño da Fe, polo camiño do servicio ós demais, gracias por ser o noso Pastor durante estes 25 anos

Lémbrome dos primeiros meses da súa chegada. A nosa antiga cidade, férrea en tradicións, inamovible na súa mentalidade, espectadora e pouco participativa dos tempos que son chegados, aconteceu algo asombroso: tiñamos un novo Bispo no senso máis amplio da palabra. Novo en idade, novo en ideas. Case que transgresor, como bo discípulo de Xesús, como bo discípulo de San Francisco. Os seus primeiros paseos polas rúas do noso Lugo, as veces só, as veces acompañado. Con sotana, sen outra distinción, parándose coa xente, falando con todos, con predilección polos máis novos. E nos hospitais, nos asilos, en todas e en cada unha das súas parroquias. Como Xoán Paulo II, viaxeiro incansable pola súa longa Diocese.
Para nós, para as Confrarías Penitenciais da Semana Santa Lucense, foi determinante. Fíxonos ver o estéril dos nosos esforzos se non tiñan vida durante todo o ano. Somos, ou debemos ser, asociacións católicas de segrares con marcada vocación social. E pouco a pouco, retorcendo unha vez máis as espesas vontades, as nosas Confrarías, traballando xuntas, como unha soa, estámonos a converter en verdadeiros movementos apostólicos, en torno os que hoxe en día agrúpanse máis de dous mil lucenses.

Gracias, Frei Xosé, gracias por levarnos polo verdadeiro Camiño da Fe, polo camiño do servicio ós demais, gracias por ser o noso Pastor durante estes 25 anos. E queiran o Xesús Nazareno, que entrou triunfante en Xerusalén, que repartiu o Pan na Derradeira Cea, ese Bó Xesús, o do Perdón cando foi Crucificado, o que foi Desencravado, o do Santo Enterro, e a súa Nai das Dores, a da Esperanza, a da Piedade, a da Soedade, María a dos Ollos Grandes, que ó tempo que lle quede entre nós poida ver todo o froito da súa longa semente. Unha forte aperta de tódolos confrades de Lugo.




RAMON BASANTA PIÑEIRO
Irmán Maior da Confraría do Desencravo do Señor.-
Coordinador Xeral da Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo.-