Estatutos
ESTATUTOS
CONFRARIA DO DESENCRAVO DO SEÑOR
E DAS
MAIORES DORES DE MARIA SANTISIMA
CAPITULO I: DA ASOCIACION EN XERAL
Art..1º.-
Constituída no Concello de Lugo unha Asociación que se denomina “CONFRARIA DO DESENCRAVO DO SEÑOR E DAS MAIORES DORES DE MARIA SANTISIMA”, e que se rexerá pola vixente Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e demais lexislación existente en materia de Asociacións que lle sexa aplicable, dentro do marco da Constitución e do resto do ordenamento xurídico.
Art.. 2º.-
Son fins e actividades da Confraría:
Sendo esta unha piadosa asociación de fieis cristiáns, ten por único fin fomentar o Culto a Paixón de Xesucristo e as Dolores da súa Santísima Nai, polos medios o seu alcance, e, principalmente, asistindo en corporación os actos que se celebren na Semana Santa Lucense.
Esta asociación non ten fins lucrativos nin está sometida a ningún réxime asociativo específico.
Art.. 3º .-
O domicilio da Confraría radicará na Igrexa dos PP. Franciscanos de Lugo, sita na Praza Maior, número 16, onde está erixida canonicamente.
Art.. 4º.-
A Confraría desenvolverá as súas actividades dentro do ámbito territorial do Municipio de Lugo, terá unha duración indefinida e só disolverase conforme a estes Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral, convocada ó efecto e por calquera causa previstas nas leis así como por sentencia xudicial firme.
Art.. 5º.-
A Xunta Directiva, como órgano de representación da asociación, será competente para interpreta-los preceptos contidos nos Estatutos, someténdose en todo momento á normativa legal vixente en materia de Asociacións.
Os presentes Estatutos serán desenvolvidos e cumpridos mediante acordo que validamente adopten a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dentro das súas respectivas competencias.
CAPITULO II : DOS ORGANOS DIRECTIVOS E DA FORMA DE
ADMINISTRACIÓN.
Art.. 6º.-
A Dirección e Administración da Confraría serán exercidas polo Presidente, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
Art.. 7º.-
O Presidente da Asociación, que será tamén da Xunta Directiva, asume a representación legal da mesma, e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebre unha e outra.
Art.. 8º.-
A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da Confraría, de acordo coas disposicións e directivas da Asemblea Xeral. Estará formada por un Presidente, un Vicepresidente I, un Vicepresidente II, un Secretario, un Vicesecretario, un Tesoureiro , un Capelán e dous vocais.
Só poderán formar parte da Xunta Directiva aquelas persoas que ostenten a condición de asociados, que sexan maiores de idade, teñan pleno uso dos dereitos civís e nos estean incursos nos motivos de incompatibilidades establecidos na lexislación vixente.
Art.. 9º.-
Os cargos que compoñen a Xunta Directiva elixiranse pola Asemblea Xeral, entre tódalas candidaturas que se presenten, resultando elixida de entre todas elas aquela que obteña máis votos, tras un previo proceso no que se fará a presentación de cada unha delas e do seu programa de goberno pola persoa que as encabece. En todo caso, nas candidaturas presentadas á Xunta Directiva, deberán estar perfectamente determinados cada un dos cargos.
Os cargos da Xunta Directiva durarán un período de catro anos, aínda que poderán ser obxecto de reelección. As renovacións de cargos faranse en dúas ternas:
Na primeira, renovarase o Vicepresidente I, o Secretario e os dous vocais. Na segunda terna, serán renovados o Presidente, o Vicepresidente II, o Vicesecretario e o Tesoureiro. As eleccións para cada terna terán unha separación no tempo de un ano.
No caso de vacante dalgún dos cargos e, en todo caso, non no previsto ó respecto nestes Estatutos, a Xunta Directiva poderá nomear provisionalmente á persoa que estime axeitada, ata a nova elección de cargos.
Os cargos da Xunta Directiva poderán causar baixa por expiración do mandato, por incumprimento das obrigas que teñan encomendadas, por renuncia voluntaria comunicada por escrito a Xunta Directiva, ou por deixar a práctica e obrigas da Relixión Católica.
Os cargos da Xunta Directiva que esgotaran o prazo para o cal foron elixidos continuarán ostentando os seus cargos ata o momento no que se produza a aceptación daqueles asociados que os substitúan.
O Capelán da Confraría será nomeado o cesado, independentemente do resto de compoñentes da Xunta Directiva, polo Ordinario a proposta dos Superiores da Orde Franciscana.
Art.. 10º.-
Os membros da Xunta Directiva non percibirán retribución algunha polo cargo desempeñado.
Art.. 11º.-
É función da Xunta Directiva, programar e dirixi-las actividades sociais e leva-la xestión administrativa e económica da Asociación, someter a aprobación da Asemblea Xeral o presuposto anual de gastos e ingresos, así como o estado de contas do ano anterior.
Art.. 12º.-
A Xunta Directiva celebrará as súas sesións cantas veces o determine o Presidente, a iniciativa propia ou a petición de polo menos tres dos seus compoñentes. Será presidida polo Presidente e, na súa ausencia, polo Vicepresidente I, e se non estivese, polo Vicepresidente II, e a falta dos tres, polo membro da Xunta Directiva que teña máis idades.
Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados por maioría de votos dos asistentes, sendo precisa a concorrencia, polo menos, da metade máis un dos seus membros, incluídos o Presidente e o Secretario, ou que estatutariamente os substitúan. Das sesións o Secretario, ou no seu defecto, o Vicesecretario, levantarán Acta que se transcribirá ó Libro de Actas.
Art.. 13º.-
Os membros da Xunta Directiva presidirán as Comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de demandar das mesmas as informacións necesarias. Formarán parte, ademais, das ditas Comisións o número de Vocais que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos Presidentes.
Art.. 14º.-
O Presidente da Xunta Directiva terá, ademais das facultades asignadas no Art.. 7º, as seguintes:
a) Convocar e levanta-las sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixi-las deliberacións de unha e outra, decidindo con voto de calidade no caso de empate.
b) Propoñe-lo plano de actividades da Asociación á Xunta Directiva, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
c) Ordena-los pagamentos acordados validamente.
d) O Presidente estará asistido nas súas funcións polo Vicepresidente I,no seu caso, polo Vicepresidente II, que ademais o substituirán nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, e na orde que lles corresponde.
Art.. 15º.-
O Secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o Libro de Rexistro de Socios e terá o seu cargo a dirección dos traballos administrativos da Confraría. Auxiliarao nas súas funcións e substituirao nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade o Vicesecretario.
Art.. 16º.-
O Tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertenecentes a Asociación e dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o Presidente. Así mesmo, formalizará o presuposto anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior, que deben ser presentadas á Xunta Directiva, para que esta, a súa vez, os someta á aprobación da Asemblea Xeral.
Art.. 17º.-
O Capelán asesorará no referente a relixión e moral católica, tanto a Xunta Directiva como a Asemblea Xeral, e fomentará o espírito de piedade no seno da Asociación, velando para que ésta cumpra o seus fines.
Art.. 18º.-
Cada un dos compoñentes da Xunta Directiva, terá os deberes propios do seu cargo, así como os que nazan das delegacións ou comisións que a propia Xunta lles encomende.
Incumbirá de maneira concreta ó Secretario, no seu caso, o Vicesecretario, velar polo cumprimento das disposicións legais vixentes en materia de Asociacións, custodiando a documentación oficial da entidade, expedindo certificación co visto e prace do Presidente e facendo que cursen á Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, así como a Diocese de Lugo, as comunicacións sobre a designación da Xunta Directiva, celebración de Asembleas Xerais, formalización do estado de contas e aprobación dos presupostos anuais.
Art.. 19º.-
A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da Asociación, integrada polos asociados, que adopta os seus acordos polo principio maioritario ou de democracia interna, e que reunirase sempre que o acorde a Xunta Directiva, por propia iniciativa ou polo que acorde a décima parte dos seus asociados.
Obrigatoriamente a Asemblea Xeral deberá ser convocada en sesión ordinaria, polo menos unha vez ó ano, para aproba-lo Plano Xeral de actuación da Asociación, censura-la xestión da Xunta Directiva, aprobar, no seu caso, os presupostos anuais de ingresos e gastos, así como o estado de contas correspondentes ó ano anterior e cantas outras cuestións se sometan á votación no capítulo de rogos e preguntas.
Art.. 20º.-
A Asemblea Xeral convocarase pola Xunta Directiva, con carácter extraordinario, cando o esixan as disposicións vixentes, o acorden os membros da Xunta Directiva ou o solicite un número de asociados non inferior ó dez por cen, e en todo o caso para a modificación dos Estatutos, así como para elixi-los membros da Xunta Directiva, disposicións ou alleamento de bens, disolución da Asociación, expulsión de asociados a proposta da Xunta Directiva, aprobación
do regulamento de réxime interno da asociación e a solicitude da Declaración de Utilidade Pública. Tamén é da súa competencia a Constitución de Federacións, Confederacións ou Unións ou a súa integración en elas.
Art.. 21º.-
As convocatorias das Asembleas Xerais, tanto Ordinarias como Extraordinarias, serán feitas por escrito, expresando o lugar, data e hora da reunión, así como a
orde do día. Entre a primeira convocatoria e o día da reunión deberán mediar polo menos quince días naturais, a segunda convocatoria realizarase media hora máis tarde da primeira.
Así mesmo incluiranse na orde do día das convocatorias aqueles asuntos propostos por un número de asociados da asociación non inferior ó dez por cen, que as presentarán perante o Secretario da Xunta Directiva cunha antelación mínima de sete días á celebración das sesións das Asembleas Xerais.
Art.. 22º.-
A convocatoria da Asemblea Xeral extraordinaria de modificación de Estatutos da asociación estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de sete días para que calquera asociado poida dirixir ó Secretario as propostas e emendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación da citada Asemblea e serán entregadas cunha antelación mínima de 3 días á realización da mesma.
Art.. 23º.-
As Asembleas Xerais Ordinarias ou Extraordinarias quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria, cando concorran a elas, presentes ou representados, a metade máis un dos asociados, e en segunda convocatoria cando asistan a décima parte dos mesmos.
Art.. 24º.-
Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen os negativos. Non obstante, requirirán maioría cualificada das dúas terceiras partes das persoas presentes ou representadas, os acordos relativos á disolución da asociación, modificación dos Estatutos, e a disposición ou alleamento de bens.
Art.. 25º.-
A Xunta Directiva resérvase o dereito a decisión, sobre situacións non contempladas nestes Estatutos, sempre que non sexan incompatibles coas xa existentes e non estean en contradicción coa Lei vixente reguladora do dereito de asociación e demais disposicións regulamentarias que a desenvolvan.
Art.. 26º.-
Os acordos que vaian contra estes Estatutos ou infrinxan os fins da Asociación, poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdicción ordinaria.
Art.. 27º.-
A Asociación disporá dunha relación actualizada dos seus asociados, levará unha contabilidade que reflicta a imaxe fiel do patrimonio, do resultado e da situación financeira da entidade, así como as actividades realizadas, efectuará un inventario dos seus bens e recollerá nun Libro de Actas as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
CAPITULO III: DOS ASOCIADOS, DEREITOS E OBRIGAS
Art.. 28º.-
Poderán ser membros da Confraría, libre e voluntariamente, as persoas físicas e as persoas xurídicas, legalmente constituídas, sexan esta públicas ou privadas, que dalgunha maneira teñan interese en servi-los fins da mesma e sexan admitidos pola Xunta Directiva, a cal poderá outorga-lo nomeamento de membro honorario ás persoas que estime oportuno, a título meramente honorífico, sen que iso leve consigo a condición xurídica de asociado.
As persoas físicas deberán ter capacidade de obrar e non estarán suxeitas a ningunha condición legal para o exercicio do dereito. Os menores non emancipados de máis de catorce anos necesitarán o consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban supli-la súa capacidade.
As persoas xurídicas de natureza asociativa requirirán, para formar parte da asociación, o acordo expreso do seu órgano competente e as de natureza institucional o acordo do seu órgano rector.
Art.. 29º.-
Aquelas persoas que desexen pertencer á Asociación, solicitarano por escrito ó Presidente, o cal dará conta a Xunta Directiva, que resolverá sobre a admisión ou inadmisión do asociado con recurso perante a Asemblea Xeral.
Art.. 30º.-
Os asociados poderán solicita-la súa baixa na Asociación voluntariamente, en calquera tempo, pero isto non lles eximirá de satisface-las obrigas que teñan pendentes con ela.
A Xunta Directiva poderá separar ou expulsar da Asociación a aqueles asociados que os fagan indignos de seguir pertencendo á mesma, así como adoptar calquera outra medida disciplinaria adoptada, será precedida de expediente no que deberá ser oído o interesado, o cal será informado dos feitos que dean lugar a tales medidas, debendo ser motivado o acordo que, no seu
caso, impoña a sanción. Este acordo en todo caso deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral e contra a súa resolución poderase recorrer perante a xurisdicción ordinaria.
Art.. 31º.-
Os Asociados terán os seguintes dereitos:
a) Participar nas actividades que promova a Asociación e nos actos sociais que organice para tódolos asociados.
b) Gozar de tódalas vantaxes e beneficios que a Asociación poda obter.
c) Asistir e exercita-lo dereito de voz e voto nas Asembleas Xerais. En todo caso cada asociado que sexa persoa xurídica terá dereito a un solo voto.
d) Ser nomeado membro da Xunta Directiva, na forma que prevén os Estatutos.
e) Posuír exemplar destes Estatutos e ter coñecemento dos acordos adoptados polos órganos directivos.
f) Ser informado sobre a composición da Xunta Directiva da asociación.
g) Que se lle poña de manifesto o estado de contas e ingresos e gastos da Asociación tódolos anos, así como o desenvolvemento da súa actividade.
h) A impugna-los acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei e ós Estatutos.
Art.. 32º.-
Os asociados poderán ser sancionados pola Xunta Directiva por infrinxi-los presentes Estatutos, ou os acordos da Asemblea Xeral ou a propia Xunta Directiva. As sancións poden comprender dende a suspensión dos seus dereitos durante un mes, ata a separación definitiva da Asociación, nos mesmos termos que prevén artigo 30º.
Art.. 33º.-
Serán obrigas de tódolos asociados:
a) Comparti-las finalidades da asociación e colaborar para a consecución das mesmas.
b) Observar unha boa conducta individual e cívica, coa base da moral católica.
c) Acata-los presentes Estatutos e os acordos validamente adoptados pola Asemblea Xeral.
d) Aboa-las cotas periódicas, derramas e outras contribucións que acorde a Asemblea Xeral.
e) Desempeñar fielmente as obrigas inherentes ó cargo que desempeñen.
f) Vesti-lo hábito regulamentario naqueles actos que a Xunta Directiva estime oportuno, ó que non lle poderá engadir nin suprimir ningún dos seus elementos, así como mante-lo en perfecto estado.
g) Cumpri-lo resto de obrigas que resulten destes Estatutos.
TITULO IV: DO RÉXIME ECONÓMICO E DA DISOLUCIÓN DA
ASOCIACIÓN
Art.. 34º.-
A Confraría carece de patrimonio, e o seu presuposto anual é indeterminado ou, no seu caso, será o que se determine a principios de cada ano pola Asemblea Xeral.
Art.. 35º.-
A data de peche do exercicio económico da asociación será a de o 31 de decembro de cada ano, e as contas da Asociación serán aprobadas anualmente pola Asemblea Xeral, polo que deberán ser postas previamente a disposición dos asociados durante un prazo non inferior ós 15 días ó sinalado para a celebración da referida Asemblea Xeral.
Art.. 36º.-
Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento das actividades sociais serán os seguintes:
a) As cotas periódicas que acorde a Asemblea Xeral.
b) As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea.
c) Os productos dos bens e dereitos que lle correspondan, así como as subvencións, legados e doazóns que poda recibir en forma legal.
d) Os ingresos que obteña a Asociación mediante o exercicio de actividades económicas lícitas que acorde realiza-la Xunta Directiva, incluídas as prestacións de servicios, deberán destinarse exclusivamente ó cumprimento dos seus fins estatutarios.
Art.. 37º.-
A administración dos fondos da Asociación levarase a cabo, sometida á correspondente información e intervención e coa publicidade suficiente, a fin de que tódolos asociados podan ter coñecemento periodicamente do destino dos
fondos, sen prexuízo do dereito consignado a este respecto no apartado g) do artigo 31º destes Estatutos.
Art.. 38º.-
No caso de disolverse a Asociación, a Asemblea Xeral que acorde a disolución, nomeará unha Comisión Liquidadora, composta por cinco membros, a cal farase cargo dos fondos que existan, para que, unha vez satisfeitas as obrigas, o remanente, se o houbera, sexa entregado o Sr. Bispo da Diocese de Lugo, para que os dedique a os fins benéficos e caritativos que considerara oportuno.
Así mesmo, no caso de insolvencia da Asociación, a Xunta Directiva, ou, se é o caso, os liquidadores nomeados pola Asemblea Xeral, promoverán de inmediato o oportuno procedemento concursar perante o xuíz competente.
En proba de conformidade coa presente modificación de Estatutos da Asociación formalmente constituída con número de rexistro 2.071 no Rexistro Provincial de Asociacións, da Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, con data 10 de xuño de 1998, para a súa adaptación as previsións da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, asinan os mesmos
Lugo, a 25 de maio de 2004